Asedio do Pontevedra e empate en Vilalba (1-1)

Pontevedra
07 de xaneiro 2024

Empate que sabe a pouco do Pontevedra ante o Villalbés nun partido dominado no seu maior parte polos granates, que foron superiores especialmente nunha segunda metade cargada de ocasións desaproveitadas. O colexiado expulsou a Churre no 66, a Javi Varela no 68 e a Gegunde no 93  

Once do Pontevedra ante o Villalbés
Once do Pontevedra ante o Villalbés / Pontevedra CF

Empate que sabe a pouco do Pontevedra ante o Villalbés nun partido dominado no seu maior parte polos granates, que foron superiores especialmente nunha segunda metade cargada de ocasións desaproveitadas. O colexiado expulsou a Churre no 66, a Javi Varela no 68 e a Gegunde no 93.

Non tardou o Pontevedra en dar o primeiro aviso. Corría o minuto cinco de xogo e Rufo recibía o esférico entre defensas, cedeu para Yelko e este sacou un potente disparo que, para mala sorte dos granates, estrelouse na cruceta da portería de Santomé.

O dominio dos de Yago Iglesias continuaba co paso dos minutos mentres o seu rival ameazaba cun centro de Álex ás costas da zaga. Buyo anticipouse a Garay pero o seu remate foi un pouco forzado e Edu Sousa apenas tivo que esforzarse para atallar o coiro.

A aposta do Pontevedra estaba a ser clara e mostrábase insistente en campo rival a pesar de que as ocasións brillaban pola súa ausencia. De feito, non foi ata o minuto 20 cando chegou unha nova oportunidade dos granates. Chiqui púxoa na área pequena para que Bastos rematase, pero o balón quedou morto e finalmente despexouno un defensor.

Alcanzábase así a recta final do primeiro tempo e chegou a xogada decisiva. Isaac recibía na banda esquerda e aproveitaba un tropezo de Churre para irse en velocidade ata a liña de fondo e asistir a Uzal para que subise o 1-0 ao marcador.

Tras o paso polos vestiarios o Pontevedra saíu decidido a darlle a volta ao resultado, pero o estado do terreo de xogo impedía combinar con fluidez e o balón chegaba ao seu destino aos tombos, favorecendo á defensa local a replegar e evitar calquera posible acción de perigo.

O Villalbés tiña claro o que tiña que facer para manter o 1-0 e formou un auténtico muro en defensa que estaba a ser impenetrable para os granates, que atacaban con todo e deixaban desguarnecida a portería de Edu Sousa, obrigado a intervir en repetidas ocasións para evitar o segundo gol local.

E nunha desas accións de contragolpe chegou o castigo para o Pontevedra en forma de expulsión de Churre, que viu a vermella directa por ser o último defensor e derrubar ao dianteiro. Compensouse con todo a situación ao minuto cunha nova expulsión, esta vez nas filas do Villalbés. Javi Varela arrasou con Borja Domínguez e o colexiado mostroulle a segunda amarela. Corría o minuto 68.

Aínda quedaba moito partido por diante e os de Yago Iglesias estaban a ser merecedores de, polo menos, o empate. Yelko cabeceaba fóra un centro medido desde a dereita, despois Charly e o mesmo Yelko desaproveitaban unha xogada embarullada na área pequena, e Samu Mayo estrelaba o balón no poste.

E no minuto 90 chegou por fin o premio. Centro de Barbeiro desde a dereita, Charly rematou mal e deixou o balón morto na área pequena onde Rufo, o máis listo da clase, meteu o pé para devolver o empate.

Coa máxima tensión alcanzáronse os minutos de desconto nos que o Villalbés quedou con nove xogadores pola expulsión de Gegundo e nos que o Pontevedra continuou co seu asedio a portería rival, gozando de tres saques de esquina seguidos cos que tentou pero non puido voltear o resultado.

RACING CLUB VILLALBÉS (1): Santomé, López, Buyo, Kiko, Javi Varela, Jose Varela, Pablo Rey (Santi Gegunde, min. 74), Nicholas, Álex Pérez (Christian, min. 80), Isaac (Rares, min. 63) e Uzal.

PONTEVEDRA CF (1): Edu Sousa, Bastos (Borja Domínguez, min. 55), Churre, Mario Gómez, Álex González, Rufo, Yelko, Chiqui (Charly, min. 72), Samu Mayo, Dalisson (Barbeiro, min. 72) e Garay.

Goles: 1-0, Uzal, min. 40. 1-1, Rufo, min. 90.

Árbitro: Mario Pacheco, auxiliado nas bandas por Jaime Campelo e Guillermo Martínez (Cantabria). Amoestou a Pablo Rey (44'), Álex Pérez (45') e a Javi Varela (60') no Villalbés, e a Álex González (30'), Chiqui (81') Borja Domínguez (93') no Pontevedra. Tamén expulsou a Javi Varela (68') e a Gegunde (93') por parte dos locais e a Churre (66') por parte dos granates.

Incidencias: Partido da xornada 17 de liga en Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal da Magdalena.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora