Foi un inicio de tempada moi duro o vivido por Marcos Barbeiro. Primeiro pola falta de minutos nas xornadas iniciais, tras a súa chegada ao equipo desde a liga portuguesa, e despois por unha lesión de xeonllo que lle mantivo un tempo prolongado fóra de xogo.
Con todo 'Chidinho', como lle alcuman desde a súa nenez, vai aos poucos asomando a cabeza e entrando nos plans de Yago Iglesias. Polo de súpeto o adestrador granate contou con el nas dúas últimas xornadas, partindo iso si desde o banco.
"Síntome ben, con moitas ganas de xogar e poder axudar o equipo", sinalou este mércores Barbeiro na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.
O extremo defende que tras meses nun segundo plano "estaba con ganas de mostrar o meu fútbol", aínda que recoñece que polo momento "os meus compañeiros están un pouco por riba de min e teño que traballar para poñerme á súa altura".
Ademais o internacional pola selección de San Tomé e Príncipe tivo que adaptarse a unha liga como a Segunda RFEF que "é moi competitiva", e é que "estou moi sorprendido porque Portugal é unha liga diferente".
Barbeiro espera agora a súa oportunidade, e faino con humildade e a esperanza de cando chegue "poder aproveitala". Ese día pode ser, por que non, a próxima xornada de liga, coa visita do Pontevedra ao campo da Gimnástica de Torrelavega.