Os rivais do Pontevedra móvense no mercado de inverno

Pontevedra
11 de xaneiro 2024

Equipos como o Zamora, Compostela ou Guijuelo, todos eles da zona alta da táboa, confirmaron nos últimos días reforzos nos seus planteis aproveitando a apertura do mercado de inverno. O club granate pola súa banda segue a rastrexar as súas opcións co foco posto en futbolistas en idade sub-23

Presentación de Roger Escoruela como xogador do Compostela
Presentación de Roger Escoruela como xogador do Compostela

O mercado invernal de fichaxes empeza a quentarse na Segunda RFEF, aínda que o fai de momento grazas aos rivais directos do Pontevedra Club de Fútbol.

A maioría dos equipos que ocupan a zona alta da táboa no Grupo I, fóra de Rayo Cantabria e o propio club granate, confirmaron xa movementos nos primeiros días do mes de xaneiro.

A posibilidade de fichar manterase aínda abertas ata o día 31, cun Pontevedra que segue a sopesar as súas opcións poñendo o seu obxectivo nos xogadores en idade sub-23, non só pensando no primeiro equipo senón tamén na súa filial de Terceira RFEF, ao ter ocupadas todas as súas fichas sénior e non ter intención inicialmente de dar saída a futbolistas destas características.

Por clasificación, no líder Ourense CF espéranse incorporacións nos próximos días, sobre todo tras a saída do dianteiro Antonio Salinas rumbo ao Yeclano, aínda que aínda non se pecharon fichaxes.

Un dos clubs que máis movementos protagonizou por agora é o terceiro en táboa, un Zamora que vén de empatar este mércores no campo do pechacancelas Arandina en partido aprazado da última xornada. O conxunto da Ruta da Prata anunciou xa as chegadas do centrocampista Nico Delmonte e o extremo zurdo Diego Aguirre. Ademais deu tres baixas, as de Javi Barrio, Theo Aguirre e Kun Temenuzhkov.

Tamén o Compostela, quinto e ocupando a última praza de paly-off, moveuse no mercado fichando o lateral zurdo Roger Escoruela para cubrir a baixa por lesión de Samu Araújo. Ademais subiu oficialmente ao primeiro equipo ao canteirán Hugo Matos e rescindiu a dous xogadores, Riki e Fer.

Sexto cos mesmos puntos que os santiagueses (27) e a seis do Pontevedra está un Guijuelo que incorporou o dianteiro Francisco Panadeiro 'Pana' e deu a baixa a Ibra Dieng, mentres que no Langreo (sétimo cos mesmos 27 puntos) só deu ata o de agora saídas coa marcha de Omar o Fquih, Moha Gourmat e Ángel Sánchez.

Por último o Coruxo (oitavo con 26 puntos) chegou a un acordo co extremo Álex Rey, que militaba actualmente no Rápido de Bouzas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora