Un plantel granate con sete piares asegurados ata 2025

Pontevedra
19 de decembro 2023

Sete futbolistas do primeiro plantel do Pontevedra teñen aínda un ano máis de contrato, ata xuño de 2025, independentemente de se se consegue ou non o ascenso de categoría, ao que se suman mozos con ficha do filial como Jaichenco ou Víctor Casais

Partido de liga entre Pontevedra e Deportivo Fabril en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra e Deportivo Fabril en Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol afronta estes días o parón de Nadal, pero á volta ademais do obxectivo de defender o liderado da categoría para buscar o ansiado ascenso, o club granate entrará de cheo nunha nova xanela de fichaxes.

Co equipo instalado na primeira posición e sen lesións importantes, de feito todo o plantel estivo dispoñible para a última xornada do ano, non se prevén grandes movementos neste apartado durante o mercado de inverno, a non ser que algún dos futbolistas que gozaron de menos minutos sobre o céspede reclame saír.

A pesar diso á secretaría técnica encabezada por Charles Dias non lle faltan asuntos sobre a mesa, mirando mesmo cara ao verán, con algunhas decisións importantes que afrontar ao expirar os contratos de homes con moito peso no equipo.

Neste partado cabe destacar que ata sete futbolistas asinaron no seu momento un contrato co Pontevedra ata o 30 de xuño de 2025 independentemente de se se logra ou non o ascenso, dos que cinco deles ocupan un posto no teórico once inicial de Yago Iglesias ata a data. 

Por liñas a continuidade está asegurada na portería, xa que tanto Edu Sousa como Manu Vizoso, ao dar o salto ao primeiro equipo, comprometéronse por dúas tempadas. De igual modo ocorreu coa maioría de fichaxes, isto é, Benjamín Garay, Samu Mayo, Chiqui, Dalisson e Charly.

No lado contrario e dentro da lista de xogadores con máis minutos acumulados, está no aire o futuro do pichichi Rufo, dos capitáns Álex González e Churre así como Yelko Pino e Ángel Bastos, e é que ninguén máis no primeiro plantel, incluído o adestrador Yago Iglesias, asinou un contrato de longa duración, polo que a súa continuidade dependerá das negociacións que se abran nos próximos meses.

Caso aparte doutra banda son futbolistas considerados 'da casa', con ficha do filial aínda que aparezan con asiduidade nas convocatorias de Segunda RFEF, como Jaichenco ou Víctor Casais que tamén contan polo menos un ano máis de vinculación co club granate.