Barbeiro estréase en liga e reduce a un o número de granates sen minutos

Pontevedra
18 de decembro 2023

Co debut do extremo, lesionado desde finais do mes de setembro, só un xogador do primeiro plantel do Pontevedra Club de Fútbol permanece inédito no que vai de campaña, o gardameta Manu Vizoso. No lado oposto, dous futbolistas xogárono absolutamente todo ata a data

Marcos Barbeiro no partido contra o Fabril, o seu debut no Pontevedra
Marcos Barbeiro no partido contra o Fabril, o seu debut no Pontevedra / Pontevedra CF SAD

O Pontevedra Club de Fútbol está oficialmente de vacacións, un descanso que chega xusto no momento no que alcanzaron o liderado e a só unha xornada do final da primeira volta. Boas noticias para un primeiro plantel granate que non regresará ao traballo ata o martes 26 de decembro.

Chegadas estas datas é momento para a análise e balance do que está a ser ata o de agora a tempada, empezando pola repartición de minutos entre os xogadores. 

Neste punto una das noticias positivas no duelo fronte ao Fabril foi o debut como granate de Marcos Barbeiro. O extremo, lesionado desde finais do mes de setembro, era o único xogador de campo do primeiro plantel que non debutara, polo que agora deixa só o gardameta Manu Vizoso como inédito esta tempada.

Foron 9 minutos (máis o desconto) sobre o céspede para o internacional por San Tomé e Príncipe, nunha estrea esperada tras estar máis de dous meses de baixa por unha lesión de xeonllo que lle obrigou a pasar polo quirófano.

No lado oposto dous son os homes que o xogaron absolutamente todo ata a data, 16 encontros completos con 1.440 minutos acumulados. Trátase de Edu Sousa e Benjamín Garay. Tamén saíron sempre no once inicial, aínda que con menos minutos totais, Yelko Pino (1.405 minutos), Bastos (1.287) e Dalisson (1.158).

Destacan ademais en canto a minutos acumulados Mario Gómez (1.357 minutos), Churre (1.350), Rufo (1.241), Samu Mayo (1.288) e Álex González (1.225). Eses dez xogadores superan os 1.000 minutos sobre o céspede, quedando preto Chiqui (926 minutos).

A partir de aí entra en xogo a que se podería denominar segunda unidade, na que os máis utilizados por Yago Iglesias foron Charly (466 minutos), Zabaleta (457) e Toño Calvo (360). Con menor presencia ata a data completan a relación Jaichenco (184), Borja Domínguez (108), Hermelo (36), Hugo Padín (35), Casais (21) e o recentemente estreado Barbeiro (9).

Unha xestión de minutos que será importante na segunda fase da tempada, cando entre outros factores as sancións ofrezan posibilidades de entrar no once.