As voltas a Ávila e Zamora, próximos obxectivos do Froiz

Pontevedra
08 de xullo 2016

O equipo pontevedrés teme á calor e os tramos de empedrado que se atopará na rolda abulense, que consta de dúas etapas

Ciclistas do Froiz durante un adestramento GD Supermercados Froiz

En menos dunha semana o Grupo Deportivo Supermercados Froiz afrontará dúas carreiras por etapas nas que ten depositadas grandes esperanzas.

A primeira delas, desde este sábado, será a XLIII Vuelta Ciclista a Ávila, na que o equipo pontevedrés teme as altas temperaturas que se van a atopar os corredores e tamén os tramos de empedrado que figuran na ruta.

A primeira etapa, de 137,6 quilómetros entre Ávila e Navarrevisca antóllase decisiva pola alta carga montañosa. Un día despois, o domingo, a xornada será máis chaira con 72,5 quilómetros desde El Tiemblo que terminarán cun circuíto urbano en Ávila.

Coa baixa para ambas as citas de Martín Bouzas, convocado a unha concentración de novas promesas do equipo Trek do UCI Prol Tour, o equipo do Froiz compoñerano: Sergio Míguez, Luís Mariño, Joao Matias Araujo, Pedro Merino, David González, Alejandro Lomba e Rodrigo Enríquez. 

Tras Ávila, e case sen descanso, o mércores 13 de xullo arrincará a 33 Vuelta Ciclista a Zamora, con catro días de competición previstos e cinco etapas nunha das roldas máis prestixiosas do calendario elite e sub-23 nacional.