As xogadoras do Pontevedra Rugby Club, en corentena por un positivo por Covid no seu último rival

Pontevedra
21 de xaneiro 2021

Ao ser consideradas como contactos estreitos dun positivo, deberán permanecer en illamento preventivo ata o vindeiro luns 27 de xaneiro, polo que se aprazou o partido da División de Honra  B que debían disputar a fin de semana en Cataluña

Partido entre G.E. i E.G. e Pontevedra Rugby Club da División de Honra B Feminina
Partido entre G.E. i E.G. e Pontevedra Rugby Club da División de Honra B Feminina / Pontevedra Rugby Club

A Federación Española de Rugby aceptou o aprazamento do próximo partido do Pontevedra Rugby Club (PRC) na División de Honra B Feminina, que debía disputarse o domingo 24 de xaneiro no campo do Sant Cugat catalán, tras a petición do equipo pontevedrés.

O motivo é que o plantel e o corpo técnico do PRC atópanse en corentena tras coñecer o pasado luns 18 o positivo por Covid dunha das xogadoras do seu último rival en liga, o  G.E. i E. G. de Xirona.

"Segundo o protocolo establecido pola Dirección Xeral de Saúde Pública, ao ser consideradas como contactos estreitos da persoa diagnosticada por Covid-19, as 23 xogadoras así como o staff técnico que as acompañou deberán permanecer en corentena ata o día 27 de xaneiro", explica a entidade deportiva.

Por fortuna, segundo confirma o Pontevedra Rugby Club, "ningunha das persoas en illamento presentou síntomas compatibles coa Covid".

A pesar desa ausencia de sintomatoloxía as xogadoras foron citadas polo Sergas para realizar ao longo deste xoves probas PCR que descarten o seu contaxio.