O debut do Pontevedra Rugby Club (PRC) na División de Honra B Feminina non está a ser un camiño de rosas, tentando a marcha forzadas adaptarse á categoría nacional para pelexar pola permanencia.
O conxunto pontevedrés recuperaba este domingo 14 de febreiro a xornada aprazada recentemente polo confinamento do plantel, por ser contactos estreitos dun positivo por Covid detectado nun rival.
Ata Cataluña desprazábase, nunha longa viaxe para render visita ao Sant Cugat, único equipo invicto da categoría e líder sólido da competición.
Ese poderío, unido ao esforzo pola viaxe notáronse sobre o terreo de xogo, no que o Sant Cugat dominou desde o minuto 1, co seu primeiro ensaio obra de Andrea Moreno. Ao final, un contundente 91 a 0 que, iso si, non afunde o ánimo das galegas.
"Unha vez máis o esforzo non se reflicte no resultado, pero seguiremos traballando para que nos próximos partidos así sexa", sinalan desde o PRC conscientes de que non era a súa liga e deben concentrarse nos seus rivais directos, xa que nunha liga cun só descenso calquera cousa pode pasar aínda, tendo en conta que Las Rozas, como o Pontevedra RC, tampouco conseguiu sumar.
O próximo partido de liga para o Pontevedra Rugby Club na División de Honra B enfrontaralle o vindeiro sábado 20 de febreiro a domicilio ao Crealia El Salvador, cuarto clasificado.