A Sociedad Deportiva Teucro quere poñer un colorido fin de festa á tempada que supuxo a súa volta á elite, a Liga Asobal de balonmán, ao proclamarse campión da División de Honra Prata.
Por iso o último partido de liga, o vindeiro sábado 13 de maio (finalmente fóra do horario unificado, ás 20:30 horas) ante o Bordils, converterase nunha gran celebración.
O club pontevedrés instalará unha carpa no acceso ao Pavillón Municipal dos Deportes na que convidará a todos os seguidores con entrada ou abono teucrista ás consumicións que queiran (refresco ou cervexa) e na que tamén haberá empanada e bica da panadería A Devesa e máis comida nun posto do propio Teucro. A carpa permanecerá aberta desde as 19:00 horas ata o comezo do partido, ás 20:30 horas.
A xornada completarase, tras o choque ante o Bordils, cun breve acto na propia pista do Municipal no que tomarán a palabra o presidente da entidade, Carlos García-Alén, o adestrador, Quique Domínguez, e o capitán do equipo, Carlos García.
O Teucro confía ademais en que a Federación Española de Balonmán, aproveitando a festa, lle entregue ante toda a afección a copa que lle acredita como campión da División de Honra Prata, aínda que é un extremo que non está resolto e que se negocia co organismo federativo por problemas de axenda dos seus dirixentes.