Recoñecemento municipal ao Teucro porque "é importante para Pontevedra ter un equipo en Asobal"

Pontevedra
10 de maio 2017

Os portavoces da corporación municipal, co alcalde á cabeza, ofreceron este mércores unha recepción oficial á Sociedad Deportiva Teucro polo seu ascenso á máxima categoría do balonmán nacional

Recepción do Concello ao Teucro polo ascenso á Liga Asobal
Recepción do Concello ao Teucro polo ascenso á Liga Asobal / PontevedraViva

A da Sociedad Deportiva Teucro "foi unha tempada espectacular da que nos sentimos orgullosos todos os pontevedreses". Así arrincou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a recepción oficial ofrecida polo Concello aos flamantes campións da División de Honra Prata de balonmán tras o seu ascenso á máxima categoría nacional.

Os portavoces dos diferentes grupos que compoñen a corporación municipal, co rexedor á cabeza, recibiron o plantel teucrista nun sinxelo acto celebrado na Casa das Campás, á que tamén acudiu a directiva e o corpo técnico.

O capitán do equipo, Carlos García, entregou a Lores unha bufanda do Teucro asinada por todos os seus compañeiros antes dunha recepción na que o alcalde asegurou que "é importante para Pontevedra ter un equipo en Asobal".

Acompañaron a Miguel Anxo Fernández Lores a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, e os portavoces Tomás Abeigón (Partido Popular), Agustín Fernández (Partido Socialista), Luís Rei (Marea Pontevedra) e María Rey (Cidadáns).

Tamén tomou a palabra o presidente do Teucro, Carlos García-Alén, agradecendo o apoio recibido pero pedindo de paso unha maior implicación de institucións públicas e empresas privadas xa que a día de hoxe "non temos os recursos suficientes para Asobal".

O dirixente azul sinalou ademais que o obxectivo para a próxima campaña será aumentar a cifra de abonados para achegase á barreira dos 2.000, incrementando considerablemente os datos desta tempada, na que case 1.200 persoas retiraron o seu carné de socio.