Así vai a planificación do Pontevedra 2013/2014

Pontevedra
17 de xuño 2013

Despois da rolda de contactos cos integrantes do primeiro plantel o club granate confirmou xa a continuidade de 13 futbolistas, ao que se suma a fichaxe de Javi Otero, e dado seis baixas. Lorenzo e David, únicos futbolistas con oferta de renovación que non deron resposta ao director deportivo

Xogadores do Pontevedra celebrando un gol

Non serán moitas as incorporacións estivais no Pontevedra Club de Fútbol, polo menos en comparación co acontecido nos últimos anos.

Finalizada a rolda de contactos entre o director deportivo, Milo Abelleira, e os futbolistas que o club pretendía reter, son 11 os xogadores que se comprometeron a continuar na disciplina granate, dous os que soben dende o filial, concretamente Emilio e Diego González, e sete as baixas confirmadas, dúas delas ao rexeitar Javi Pazos e Pacheco a proposta da entidade lerezana.

Os únicos xogadores que aínda non deron a súa resposta definitiva son o gardameta Lorenzo Riveiro e o interior zurdo David Pérez.

Aos 13 que confirmaron a súa continuidade hai que sumarlles ademais o que polo momento é a única fichaxe, o centrocampista Javi Otero, e a contratación Nando como adestrador do primeiro equipo.

Con estes datos a composición do Pontevedra Club de Fútbol 2013/2014 queda provisionalmente do seguinte xeito:

Porteiros: Sergio Lloves

Defensas: Adrián Gómez, Pablo González, Yago Vázquez, Caco.

Centrocampistas: Iago Paz, Jacobo, Tubo, Fran Fandiño, Emilio (Pontevedra B), Javi Otero (Betanzos).

Dianteiros: Santi Domínguez, Richi, Diego González (Pontevedra B).

As baixas seguras son as dos comentados Javi Pazos e Pacheco e as de Stefan, Nano, Sestelo, Cristóbal Juncal e Moisés Pereiro.