A Liga Asobal está a ser unha das competicións de elite nacionais nas que a pandemia está a ter unha maior repercusión, cunha importante cifra de partidos aprazados cada xornada durante aproximadamente o último mes.
Despois de 11 xornadas e con clubs como o Puerto Sagunto tendo disputado só 5 encontros a incerteza é tal que se empezaron a valorar diferentes escenarios para tentar concluír a tempada. O Cisne por exemplo encadeou tres aprazamentos consecutivos polos casos positivos detectados no seu plantel tras o choque ante o Ciudad Encantada.
Nesta situación a comisión deportiva de Asobal remitiu un documento aos clubs asociados, entre eles o propio Cisne, no que sinalan a folla de ruta a seguir en función de tres posibles escenarios en relación coa afectación da Covid na competición.
"La idea es intentar recuperar todos los partidos que sean posibles y ver si somos capaces de acabar la primera vuelta antes del 17 de diciembre, aprovechando también la semana de la Copa Asobal", recoñece respecto diso o presidente cisneísta, Santiago Picallo.
Ese é en definitiva o primeiro escenario, tentar concluír neste prazo a primeira volta para afrontar a segunda metade da tempada con maior marxe. A segunda opción sería non cumprir co calendario pero cun nivel de aprazamentos menor, e a terceira que a situación se volvese insostible, tal e como ameazou nas últimas semanas.
Neste último caso, se o coronavirus segue freando a competición, Asobal xa fala abertamente de cal sería a súa postura, a defender ante a Real Federación Española de Balonmán, e pasa por anular os descensos permitindo o ascenso dos campións de cada grupo da División de Honra Prata.
Se se chegase a tal situación, tamén sería inevitable reformular o final da liga, abrindo a posibilidade dunha fase polo título. Ademais o incremento de equipos na máxima categoría na 21/22 empuxaría con moita probabilidade aos reitores do balonmán nacional a establecer unha división en dous grupos que este curso foi descartada.