Ata 172 deportistas da provincia, recoñecidos como de alto nivel pola Deputación

Pontevedra
01 de maio 2020

O recoñecemento permitiralles acceder a unha liña de axudas que está previsto publicar en canto pase o estado de alarma. Entre os aceptados nesta categoría atópanse olímpicos como Támara Echegoyen, Teresa Portela, Bea Gómez ou Jean Marie Okutu e campións do Mundo como o triatleta Pablo Dapena, entre outros

Pablo Dapena, no Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia de Pontevedra Xan Xiadas

O Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) publicou esta semana a relación de deportistas que obteñen o recoñecemento das marcas de alto nivel (DEPO-DAN) e promesa (DEPO-PROMESA) impulsada pola  Deputación de Pontevedra.

Este recoñecemento é un paso imprescindible para poder aspirar á liña de axudas da institución provincial, cuxo prazo de solicitude está previsto abrir tras o estado de alarma. Para a súa concesión, informa a administración, terase en conta os resultados conseguidos nos anos 2018 e 2019.

No que respecta ao alto nivel, son 172 os deportistas que conseguiron o recoñecemento, dos que 113 mantéñense desde o ano anterior. Entre eles destacan por exemplo os olímpicos Támara Echegoyen, Bea Gómez Cortés, Teresa Portela, Frank Casañas e Jean Marie Okutu, o medallista paralímpico Juan Antonio Saavedra ou campións do Mundo como o triatleta Pablo Dapena e o piragüista Tono Campos.

No bando contrario, non cumpriron as bases segundo a resolución algúns deportistas da comarca como a tenista Celia Cerviño e a piragüista Carla Sieiro.

No que respecta á categoría de 'Promesa', accederon a ela 87 deportistas de 18 modalidades.