Autobuses de balde para acompañar o Pontevedra na final pola permanencia

Pontevedra
08 de maio 2018

O club granate poñerá a disposición dos seus afeccionados autocares para viaxar a Madrid, onde o vindeiro domingo (18:00 horas) xogarán a permanencia ante o Atlético B. Os que se anoten só deberán abonar o custo da entrada

Partido entre Gimnástica Segoviana e Pontevedra
Partido entre Gimnástica Segoviana e Pontevedra / Karamero / El Adelantado de Segovia

O Pontevedra Club de Fútbol non estará só o vindeiro domingo (18:00 horas) na cidade deportiva de Cerro del Espino, en Majadahonda, onde xogará a permanencia na Segunda División B ante o filial do Atlético de Madrid.

O club granate vén de anunciar a organización dunha viaxe para os seus afeccionados, na que se patrocinará o custo dos autocares.

Desta forma os que se despracen a Madrid só deberán abonar os 15 euros do custo da entrada para o partido.

A 'marea granate' partirá o mesmo domingo ás 7:00 horas desde o Pavillón Municipal dos Deportes para regresar á conclusión do encontro.

Segundo informou o Pontevedra, darase preferencia á hora de inscribirse aos seguidores que xa participaron en anteriores desprazamentos e aos socios, aínda que pode anotarse calquera afeccionado acudindo ás oficinas de Pasarón ata o vindeiro venres día 11, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16: a 19:00 horas.

Polo momento o club non marca un número máximo de autocares para a viaxe organizada e asegura que a decisión de ampliar as prazas tomarase en función da demanda existente.