Balaídos, primeira opción para disputar o play-off de ascenso a Segunda B

O Salnés
02 de xuño 2020

O Arosa, xunto aos outros tres clubs galegos participantes na fase, mantiveron este luns un encontro telemático coa Real Federación Galega de Fútbol 

Estadio Municipal de Balaídos en Vigo RC Celta

A Real Federación Galega de Fútbol e os catro equipos galegos que pelexarán polo ascenso á Segunda División B no play-off exprés protagonizaron este luns unha reunión telemática para avanzar nos aspectos organizativos da fase de ascenso.

Arosa, Compostela, Ourense CF e CD Barco tiveron ocasión tamén de expresar as súas inquietudes respecto diso.

O principal asunto por decidir era a elección de sede, tendo en conta que a Federación pretende que tanto as dúas semifinais (Arosa-Ourense e Compostela-Barco) como a final se  disuten no mesmo escenario.

Descartado o estadio Vero Boquete San Lázaro de Santiago, proposto polo Compostela pero rexeitado polo resto de participantes ao ser o campo dun dos aspirantes, o Estadio Municipal de Balaídos en Vigo aparece como a opción que maior consenso xerou, a pesar de que nun principio non parecía ser candidato a acoller o evento.

Desta forma á Federación Galega queda agora buscar un acordo que lle permita o uso das instalacións. A favor desta idea xoga o feito de que o Celta non sairía prexudicado, sempre que se cumpla o calendario proposto pola Liga de Fútbol Profesional xa que na data das semifinais (18-19 de xullo) o cadro celeste afrontaría a última xornada de liga pero a domicilio, ante o Espanyol de Barcelona.

De non ser posible utilizar Balaídos buscaríase outro escenario para o play-off, pero sempre de céspede natural.