O Club Baloncesto Arxil comezará a súa pretemporada enfrontándose ao Baxi Ferrol, equipo de Liga Endesa, na primeira semifinal da Copa Galicia.
O partido disputarase no Pavillón Municipal de Pontevedra o xoves 12 de setembro.
A outra semifinal disputarana o Celta e Ensino durante o venres 27 de setembro.
A final xogarase o domingo 29 dese mesmo mes.
O club pontevedrés indica tamén que ten pechado un torneo de alto nivel que se disputará tamén no Pavillón Municipal o domingo 15 de setembro e que presenta como un "colofón de baloncesto ACB e de Liga Endesa e Challenge en Pontevedra co torneo EncestaRías", organizado pola entidade pontevedresa que celebra o seu corenta aniversario neste 2024.
Desde o Arxil indican que a fase final da Copa Galicia servirá para axustar a un equipo que se atopa en plena reconstrución, tras o falecemento da adestradora Maite Méndez no mes de abril.
A dirección deportiva indica que o cadro de xogadoras, que adestrará baixo as ordes de Marita Janeiro, está practicamente confeccionado e, nos próximos días, anunciaranse as novidades.