Bea Gómez, convocada para o Campionato de Europa en Piscina Curta de Herning (Dinamarca)

Pontevedra
14 de novembro 2013

A nadadora pontevedresa participará en 200 e 400 estilos, 200 braza e 400 libre. O equipo nacional tamén cita á ribeirense María Vilas e á adestradora de ambas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Luisa Domínguez

Bea Gómez instantes antes da final de 800 libres do Open de Natación de Pontevedra
Bea Gómez instantes antes da final de 800 libres do Open de Natación de Pontevedra / Diego Torrado

A Real Federación Española de Natación fixo pública a composición do equipo nacional que participará no próximo Campionato de Europa de Piscina Curta, selección na que está a pontevedresa Beatriz Gómez Cortés.

A nadadora do Galaico acudirá á cita, que se celebra na localidade danesa de Herning do 12 ao 15 de decembro, para competir en catro probas: 200 e 400 metros estilos, 200 braza e 400 libre.

Na convocatoria tamén se atopan a súa compañeira de adestramentos, a ribeirense María Vilas, e a adestradora de ambas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Luisa Domínguez.

María Vilas está anotada en dúas especialidades, os 800 metros libres e os 400 estilos.

A lista de nadadores complétana: Mireia Belmonte e Melani Costa (UCAM Fuensanta), Merche Peris (St. Olaya), Duane da Rocha (Mijas), Jessica Vall (CNSA), Jimena Pérez Branco (Gredos SD), Marc Sánchez e Miguel A. Rozas (Sabadell), Albert Puig (Terrassa), Víctor Goicoechea (CNSA), Carlos Peralta (Canoe) e Alejandro García (Zamora).