Bea Gómez, convocada polo equipo nacional para o Meeting Internacional de Niza

Pontevedra
28 de xaneiro 2014

A pontevedresa acode á cita francesa dentro da preparación para o Europeo de Berlín do próximo verán. Tamén foi convocada a ribeirense María Vilas, compañeira de adestramentos de Bea Gómez no Centro Galego de Tecnificación

Bea Gómez durante o Campionato de España Open en Ponte Muíños Diego Torrado

A tempada en piscina curta queda atrás e Bea Gómez Cortés prepárase xa para o gran reto da tempada, o Campionato de Europa de Natación de Berlín do próximo verán.

A pontevedresa, tras participar recentemente no Open de Cataluña, foi convocada polo equipo nacional para participar no Meeting Internacional de Niza 'The Golden Lines', onde se medirá con algunhas das mellores nadadoras do momento dende o venres 31 de xaneiro ata o domingo 2 de febreiro.

Bea acudirá á localidade francesa para disputar os 200 e 400 metros estilos e os 100, 200, 400 e 800 libres.

Na lista publicada por a Federación Española de Natación tamén se encontra a ribeirense María Vilas, que adestra xunto á lerezana no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

A convocatoria española complétana: Marc Sánchez, Miguel Ángel Rozas e Miguel Durán (CN Sabadell); Marc Calzada, Arnau Rovira e Jessica Vall (CN Sant Andreu); Carlos Peralta (Real Canoe NC); Mireia Belmonte e Melani Costa (UCAM Fuensanta), Duane da Rocha (CN Mijas) e Jimena Pérez (CD Gredos San Diego).