Despois duns anos complicados, debido principalmente aos problemas físicos que atravesou e que lle impediron render ao seu mellor nivel, Bea Gómez Cortés cambia de aires.
A nadadora pontevedresa abandona esta tempada o Galaico, club no que militou toda a súa vida e co que chegou a ser olímpica en 2012, para pasar a engrosar as filas do Club Natació Sabadell.
"Digo un ata pronto ao club que me criou, que me viu crecer deportiva e persoalmente, o club da miña cidade, o de toda a vida. Grazas por acompañarme no camiño", explicou a deportista na súa conta de Instagram.
O cambio prodúcese ao concluír a súa etapa no Centro de Alto Rendemento da Residencia Blume de Madrid, que abandonou co final dopasado curso.
"Este ano decidinme dar un paso máis grande e un pequeno cambio na miña vida", recoñeceu, para seguir "gozando do que máis me gusta".
No horizonte Bea Gómez, que a pesar da súa gran experiencia competitiva conta aínda con 22 anos, está poder recuperar o nivel que a situou como unha das grandes promesas da natación española e, por que non, mirar cara aos Xogos Olímpicos de Tokyo 2020.