O Galaico agárrase desde o inicio ao liderado da Liga Galega de División de Honra

Pontevedra
07 de novembro 2017

O equipo pontevedrés sobrepúxose a importantes ausencias, como a de Águeda Cons concentrada en Xapón co equipo nacional, para finalizar en primeira posición na xornada inaugural da tempada celebrada en Lugo

Equipo do Galaico na pasada fase final da Liga Galega
Equipo do Galaico na pasada fase final da Liga Galega / CN Galaico

O Club Natación Galaico comezou a tempada na Liga Galega de División de Honra como terminou a pasada, no primeiro posto.

A pesar de ausencias importantes como a de Águeda Cons, a súa nadadora con maior proxección e que se atopa concentrada co equipo nacional en Xapón, o conxunto pontevedrés foi o mellor na xornada inaugural da competición celebrada en Lugo.

Os nadadores do Galaico concluíron en primeiro lugar con 390 puntos, superando por unha importante marxe a CN Pabellón Ourense (298 puntos) e ao Portamiña de Lugo (259 puntos), segundo e terceiro respectivamente.

A dirección técnica do club mostrouse satisfeita cos resultados obtidos en Lugo, con varias mínimas nacionais como as de Pablo Juncal no 100 libre, Carla Goyanes en 100 bolboreta ou Daniel Sánchez en 50 estilos.

Foi destacable tamén a actuación de Clara Otero vencendo no 100 libre con Antía García segunda a unha sóla centésima, mentres Jacobo Ucha venceu no 50 libre e Carla Goyanes na 100 bolboreta e os 200 estilos.

Ademais o equipo masculino de 4x50 estilos logrou o record do club nesta proba demostrando a súa progresión.