Bea Gómez, incluída no programa 'Becas Podium' do Comité Olímpico Español e Telefónica

Pontevedra
18 de marzo 2016

A nadadora pontevedresa pasa a engrosar a lista de 88 deportistas novos que reciben esta axuda. A confirmación chega horas antes de que Bea se xogue en Sabadell todas as súas opcións de clasificación para Río 2016

Bea Gómez no podio do Meeting de Marsella
Bea Gómez no podio do Meeting de Marsella

A poucas horas de que Bea Gómez Cortés se xogue as súas opcións de clasificación olímpica no Campionato de España Open de Sabadell, a nadadora pontevedresa recibiu un importante empuxón á súa carreira.

Bea, á que lle comunicaron a decisión hai un par de semanas, foi incluída no programa 'Becas Podium' impulsado polo Comité Olímpico Español e Telefónica, polo que recibirá unha axuda económica e técnica para tentar seguir progresando no mundo da natación.

Este programa de axudas, deseñado inicialmente ata Río 2016 e ampliado posteriormente ata 2018 cos deportes de inverno, pretende facilitar as condicións de adestramento de deportistas menores de 23 anos e que non sexan beneficiarios do Plan ADO, de axuda a deportistas de elite.

Desta forma a deportista do Club Natación Galaico únese a outras 87 promesas nacionais de diferentes disciplinas individuais, e percibirá 1.400 euros brutos ao mes, segundo figura nas bases do programa.