Bea Gómez, operada con éxito dunha anomalía cardíaca

Pontevedra
05 de maio 2015

A nadadora pontevedresa foi intervida este martes en Madrid para solucionar unha anomalía cardíaca detectada nunha recente concentración do equipo nacional. Espera poder volver aos adestramentos este mesmo mes pensando na súa participación no próximo Campionato do Mundo

Bea Gómez despois de saír do quirófano
Bea Gómez despois de saír do quirófano

Empeza a conta atrás para a volta á piscina de Bea Gómez Cortés, que foi intervida cirurxicamente este martes en Madrid para solucionar unha anomalía cardíaca detectada nunha recente concentración do equipo nacional.

A nadadora pontevedresa viuse obrigada a interromper os adestramentos ante un problema de carácter conxénito que estaba localizado no tabique interauricular que divide a cámara superior do corazón.

A operación resultou satisfactoria, segundo a propia deportista recoñeceu a través do seu perfil de Twitter agradecendo o apoio recibido durante os últimos días.

Unha vez superada con éxito a intervención Bea confía en poder regresar aos adestramentos en poucos días, a mediados de mes, para retomar a súa preparación de cara ao Campionato do Mundo de Kazán (Rusia), principal obxectivo deportivo da tempada no que a pontevedresa nadará os 800 libre e os 400 estilos.