Benidorm, rival do Condes de Albarei Teucro na terceira rolda da Copa do Rei

Pontevedra
25 de outubro 2017

O equipo pontevedrés enfrontarase no Torneo do K.O. a un rival directo pola permanencia na Liga Asobal. A eliminatoria disputarase a dobre partido, con ida o mércores 20 de decembro en Benidorm e a volta o sábado 23 en Pontevedra

Sorteo da terceira eliminatoria da Copa do Rei de balonmán
Sorteo da terceira eliminatoria da Copa do Rei de balonmán / Asobal

O Condes de Albarei Teucro xa coñece ao seu rival para a terceira eliminatoria da Copa do Rei de balonmán, á que accedeu tras superar a domicilio ao Agustinos de Alacante.

Nun sorteo puro, sen condicionantes, celebrado este mércores na sede de Asobal, o equipo pontevedrés quedou emparellado co Balonmamo Benidorm, un rival directo tamén pola permanencia na máxima categoría.

A terceira eliminatoria da Copa do Rei disputarase a dobre partido, coa ida prevista para o mércores 20 de decembro en Benidorm e a volta o sábado 23 en Pontevedra.

O resto de enfrontamentos son: Guadalajara-Sinfín, Alcobendas-Puerto Sagunto e Nava-Puente Genil.

No caso de pasar de rolda, o Condes de Albarei Teucro afrontaría a cuarta eliminatoria cos outros tres equipos vencedores e con catro que entran en competición, os que ocuparon os postos do quinto ao oitavo a pasada campaña en Asobal, isto é, Anaitasuna, Ciudad Encantada, Huesca e Atlético Valladolid.

De novo, con sorteo puro, esta eliminatoria celebraríase a dobre partido (7 e 14 de marzo) sendo o último escollo para chegar á final a oito do Torneo do K.O., para a que xa están clasificados os catro mellores equipos da última liga: Barcelona, Ademar, La Rioja e Granollers.

A fase final da Copa do Rei de balonmán disputarase nunha única sede durante a fin de semana de 4, 5 e 6 de xuño.

UN ADESTRAMENTO DIFERENTE

Aproveitando o parón dunha semana da Liga Asobal, é tempo para recuperar forzas no Teucro, que este mércores programou un adestramento diferente nas instalacións do Taboleiro.

Un pouco de ximnasio, pádel e ata un partido de fútbol para soltar tensión e fomentar as relacións de grupo nunha semana na que este xoves será o seu último día de traballo, ao decidir Quique Domínguez dar varios días de descanso ao persoal.