Benja e Luismi, dous novos dianteiros para o Pontevedra 2013/2014

Pontevedra
06 de xullo 2013

Os dous xogadores, que ocupan ficha de sub-23, alcanzaron un acordo co club granate e serán presentados a próxima semana. Mentres, o Compostela pretende a Jacobo, que a pesar de renovar, podería ter unha cláusula no seu contrato que lle permitiría saír en caso de interese dun club de superior categoría. Ademais, Iago Farto, fichado como adestrador de porteiros, rescinde o seu compromiso e vaise ao Real Avilés

Benjamín Gómez Figueiro, 'Benja', e Luis Miguel Rincón Fontán, 'Luismi', alcanzaron un acordo co Pontevedra para incorporarse ao equipo granate. Ambos os dous ocupan a posición de dianteiros e contarán con ficha de sub-23. Benja, que cumpre precisamente hoxe sábado 22 anos, procede do Celta B, despois de militar a tempada anterior no Rápido de Bouzas. Pola súa banda Luismi, que ten 21 anos, comezou a súa andaina tamén nas categorías base do Celta, para pasar posteriormente ao Cultural de Areas e C.D. Ourense, onde a pasada campaña non dispuxo de moitas oportunidades.

Con Benja hai acordo total, á espera da firma do correspondente contrato, que realizarase o luns, mentres que no caso de Luismi o compromiso está xa asinado e posiblemente sexa presentado o mesmo luns.

Estas dúas novas incorporacións non pechan o equipo, xa que queda pendente a contratación de polo menos tres xogadores máis para cubrir as demarcacións de defensa lateral esquerdo, medio centro e dianteiro. O Pontevedra dispón aínda de tres fichas libres para xogadores maiores de 23 anos, dos 16 que permite o regulamento, e a intención é cubrilas con xogadores dun perfil moi concreto, que permitan ao equipo un salto de calidade para pelexar polos postos de honra, o que fará que Milo Abelleira e Nando apuren as datas, á espera daqueles futbolistas que non encontren acomodo en equipos de superior categoría.

JACOBO DE NOVO NA ÿRBITA DO COMPOSTELA

Pero a eses tres xogadores que faltan podería engadirse un cuarto se se confirma a marcha de Jacobo, a quen o Compostela parece pretender novamente. O centrocampista granate xa estivo na axenda do equipo que adestra Fredi, cando o adestrador de Cangas se fixo cargo do equipo santiagués, e agora parece que ese interese pode facer que o xogador remate recalando nas filas do equipo branquiazul.

Hai que recordar que se ben Jacobo renovou o seu contrato co Pontevedra hai unhas semanas, neste podería ter deixado unha cláusula que lle permitiría quedar libre en caso de interese dun equipo de superior categoría.

IAGO FARTO AO REAL AVILÿS

Será posiblemente o preparador de porteiros máis breve da historia granate. O Pontevedra anunciaba a fichaxe de Iago Farto hai apenas 15 días, para suplir a baixa de Pablo Valente, e terá que volver buscar un técnico que se ocupe da portaría, ao rescindir o contrato sen chegar a exercer, ante a petición do propio Iago Farto que recibiu unha oferta do Real Avilés, equipo da Segunda B, que lle ofrecía mellores condicións económicas e deportivas.