Os poucos adestramentos cos que chegaban á cita e o feito de ter como rivais a dous equipos de superior categoría, o COB e o Basquet Coruña da Liga LEB Oro, non foi impedimento para deixar unha grata sensación no debut en pretempada do Peixe Galego.
O pavillón da Raña foi escenario durante a fin de semana da primeira fase da Copa Galicia, e aínda que o Peixe quedou eliminado da competición autonómica os de Javi Llorente marchan da Copa cunha boa dose de moral.
No seu primeiro encontro, os de Marín foron superados polo COB Ourense por 93 a 72, e mellor foi incluso a imaxe ante o Basquet Coruña este domingo, ao perder por 100 a 98 nun duelo no que só a menor frescura na rotación impediu a remontada ao final.
O Peixe comezou mesmo dominando nos primeiros minutos, pero acabou sendo superado pola fortaleza dos da Coruña. Positiva foi ademais a imaxe de varios das fichaxes, con Taiwo Badmus e Jace Gregory destapados na faceta anotadora con 30 e 28 puntos respectivamente.
A FASE FINAL DA COPA, TAMÉN EN MARÍN
Basquet Coruña ante o Bregoán e COB ante Obradoiro son as semifinais da Copa Galicia tras a fase inicial, unha final a 4 que se disputará tamén en Marín xa a próxima fin de semana, cun prezo de 10 euros a entrada para os dous encontros fixados para o domingo día 16.