Boas sensacións de Carla Goyanes na Copa do Mundo de Doha de natación en augas abertas

Pontevedra
18 de febreiro 2019

Só un contratempo ao final da terceira volta fixo que a pontevedresa se cortase do grupo de cabeza da proba absoluta, na que competía a pesar de ser aínda unha nadadora júnior

Carla Goyanes (terceira pola esquerda) co Equipo Nacional Absoluto en Doha
Carla Goyanes (terceira pola esquerda) co Equipo Nacional Absoluto en Doha

A participación da pontevedresa Carla Goyanes na Copa do Mundo de Natación en Augas Abertas celebrada a fin de semana en Doha (Qatar) deixou boas sensacións, aínda que o resultado final non fose destacado.

Así o recoñece o departamento técnico da Real Federación Española de Natación, que cre que  Goyanes deu "un paso adiante".

Isto é así pola deportista do Club Natación Galaico mantívose durante tres das catro voltas da carreira de 10 quilómetros no grupo de cabeza, e só un contratempo con outra nadadora que lle obrigo a parar para colocar as lentes fixo que se descolgase.

Todo iso a pesar de competir en categoría absoluta sendo aínda júnior e a pesar das esixentes condicións coas que se disputou a proba da Copa do Mundo, con ondada e vento.

Carla Goyanes finalizou en Doha no posto 44 cun tempo de 2 horas, 9 minutos e 48 segundos, resultando vencedora a brasileira Ana Marcela Cunha (2:03:52).