Boas sensacións nas últimas competicións do ano para a Gimnástica

Pontevedra
26 de decembro 2016

Atletas do equipo pontevedrés estiveron presentes nas competicións atléticas baixo teito celebradas na Coruña e a localidade portuguesa de Braga

Eva Salgado competindo en Braga Sociedad Gimnástica

A Coruña e a localidade portuguesa de Braga acolleron as últimas competicións da tempada para a Sociedad Gimnástica.

As citas supuxeron unha proba da súa preparación antes de afrontar no principio do ano os campionatos autonómicos e estatais.

En Braga o club pontevedrés contou cunha importante representación, obtendo uns resultados positivos e tamén boas sensacións. Marta González foi a mellor en triplo salto feminino cun salto de 10,02 metros, seguida de Paula Argibay con 9,78 metros e Eva Salgado, que saltou 4 centímetros menos.

Ademais Eva Salgado foi a máis rápida nos 60 metros lisos (8,64 segundos), mentres Lucía Cardesín foi segunda nos 3.000 metros (11:29.27) e nos 800 metros categoría xuvenil (2:25.24) e Fernando Castro cuarto (2:05.15). Pola súa banda o junior Lois Mariño acabou quinto (2:03.71) na súa categoría.

 Varios atletas da Gimnástca acudiron tamén á I Xornada V Circuíto Coruña Corre, destacando o papel de Fran Bugallo nos 60 e 200 metros lisos, Lois Mariño nos 800 metros ou Huracán Hurtado nos 3.000 metros lisos.