Bos resultados de atletas da Sociedad Gimnástica nas últimas competicións

Pontevedra
11 de febreiro 2015

Os últimos días resultaron propicios para os atletas da Sociedad Gimnástica de Pontevedra

Jorge Puig na competición celebrada en Braga
Jorge Puig na competición celebrada en Braga / Sociedad Gimnástica

Os últimos días resultaron propicios para os atletas da Sociedad Gimnástica de Pontevedra. Especialmente para Julián Ortiz, que se está a preparar intensamente para o nacional absoluto. Nos Birmingham Games, correu os 60 metros valos en 7.91, moi preto dos 7.89 que fixo o ano pasado e que lle colocan terceiro do ranking nacional provisional. Unha forte garantía para defender a medalla de bronce que conseguiu en 2014.

Ademais, en Valencia Sergio García fixo a marca de cualificación para o nacional absoluto baixo teito, con 1.52.38 nos 800 metros; mentres que David Martínez fixo a súa mellor marca da tempada nos 3.000 metros, con 8.09.4 e tamén marca mínima, no seu caso, para o Nacional por clubs de cross curto, no que será un dos puntais do equipo pontevedrés para revalidar a prata do pasado ano.

En Valladolid, Alejandro Otón mellorou a súa marca da tempada nos 60 metros valos con 8.49 e Manuel Molinos fixo a súa última actuación antes do nacional promesa, con 2.05 no salto de altura.

En Antequera, pola súa banda, Alberto Guerrero correu por debaixo do 1.50 nos 800 metros, con 1.49.77, nunha gran serie na que Kevin López fixo a mínima para o europeo de pista cuberta. Lysvanys Pérez volveu mellorar o record da Sociedad Gimnástica no salto de altura, con 2.12 e Alberto Salcedo impúxose no dobre hectómetro con 21.51.

En Vila Nova de Cerveira (Portugal), Claudia Puig foi terceira no lanzamento de xavelina xuvenil con 29.22; en Madrid, Eduardo Gallardo correu os 400 metros en 49.87 e por último en Ourense, o xuvenil Fernando Rial impúxose nos 800 metros e Cristina González, a pesar de gañar os 1.500 metros, non puido conseguir a marca de cualificación para o nacional promesa.