O vestiario do Pontevedra deixou atrás o tropezo de Tenerife xa mira con toda a súa ambición á visita do Real Avilés na que pode pechar un posto na fase de ascenso a Segunda División.
"Gañamos o dereito a depender de nós. O outro día non o puidemos conseguir e témolo aquí, na casa, coa nosa xente", defendeu este mércores en rolda de prensa Brais Abelenda en representación do primeiro plantel granate.
"A principio de tempada non sei si unha persoa ou poucas persoas soñaban con isto, pero a verdade é que chegamos até aquí e depende de nós", incide o de Val do Dubra.
De feito, Brais recoñece que "non queremos marchar xa de vacacións. Non queremos que se acabe a tempada porque está a ser moi bonita, e seguro que á xente de Pontevedra e do Pontevedra tamén lles pasa".
Pide ademais que se recoñeza o conseguido até a data, tanto a permanencia como unha clasificación para a Copa do Rei que "creo que non se valorou o suficiente".
Claro que para conseguir un posto no play-off de ascenso será necesario gañar a un Real Avilés que se xoga pola súa banda a permanencia en Primeira RFEF.
"Virán gañar, non creo que veñan empatar", asegura Abelenda a pesar de que as táboas asegurarían a salvación dos asturianos.
En todo caso "o noso creo que é un soño maior", defende o 8 granate.
Por ese motivo pide "saír desde o minuto 1 a que se note que somos o Pontevedra e que queremos conseguir o obxectivo".
Unha actitude que espera se traslade ademais ás bancadas do Estadio Municipal de Pasarón.
"Creo que o sábado vai haber o mellor ambiente da tempada e esperamos devolver esa enerxía para que o ambiente se contaxie, que todo o mundo apoie e nos dea forza para gañar e meternos no play-off", defendeu na súa comparecencia o futbolista galego.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.