O partido entre Pontevedra Club de Fútbol e Real Avilés Industrial contará con medidas excepcionais de seguridade e control das afeccións, a pesar de non ser declarado como de alto risco.
Así o confirmou o club granate ao facer pública a súa decisión de non permitir distintivos do equipo rival fóra da zona habilitada especificamente para a afección asturiana, no Fondo Sur de Pasarón.
"Co obxectivo de garantir a seguridade, a convivencia entre afeccións e o correcto desenvolvemento do encontro, a bancada local estará reservada exclusivamente para afeccionados do Pontevedra CF", afirma a entidade da Boa Vila.
"Toda persoa que acceda ao estadio con vestimenta, bufandas, bandeiras ou calquera distintivo do Real Avilés deberá situarse na bancada visitante, polo que se recomenda adquirir entradas para devandita zona habilitada", engade o Pontevedra.
🚨 INFORMACIÓN PARA O ACCESO A PASARÓN 🚨#𝐆𝐑𝐀𝐍𝐀𝐓𝐄®️♥️#PrimeraFederacion | #VersusELearning pic.twitter.com/9C9YAMP7qS
— Pontevedra CF 🦴 (@PontevedraCFSAD) May 19, 2026
Neste sentido cabe destacar que se habilitou un novo paquete de localidaes visitantes ampliando a cota até as 160 butacas, unha vez vendidas as 100 iniciais.
Hai que lembrar que o partido do próximo sábado 23 de maio en Pasarón (18.30 horas) preséntase decisivo para os dous equipos, xa que o Pontevedra ten na súa man pechar cun triunfo a súa presenza no play-off de ascenso a Segunda División, pero é que o Avilés necesita un empate para certificar a súa permanencia na categoría sen mirar ao que suceda en campos rivais.
RECOMÉNDASE ACUDIR AO ESTADIO CON ANTELACIÓN
Ante a previsión de que se produza a maior entrada de toda a tempada en Pasarón, desde a coordinación de seguridade do evento recomendan acudir ao estadio con antelación para evitar aglomeracións.
Ademais, ante tifos recentes noutros estadios de fútbol, lémbrase a prohibición de acceder ao estadio con rolos de papel hixiénico ou similares ante o risco de incendio que poden supor.
Está previsto que portas de Pasarón abran unha hora antes do encontro, ás 17.30 horas.