Breogán e Verducido logran grandes resultados no Campionato de España de Piragüismo Maratón

Pontevedra
16 de maio 2016

Tono Campos (Breogán do Grove) foi o gran dominador en canoa ao impoñerse en C-1 e C-2 logrando a súa clasificación para Europeo e Mundial. O Verducido impúxose na canoa sub-23, mentres Óscar Graña e Ramón Ferro, segundos en C-2, tamén lograron billete para o próximo Campionato de Europa que se disputará en Pontevedra

Damián González e Manuel Cons no podio do Campionato de España de Piragüismo Maratón Club Piragüismo Verducido

O piragüismo pontevedrés terá unha ampla representación no próximo Campionato de Europa de Maratón que se celebrará na casa, no río Lérez, en pouco máis dun mes.

Así será porque os padexeiros da comarca deron a talla esta fin de semana no Nacional que se celebrou na localidade catalá de Banyoles.

O Breogán do Grove foi o gran dominador na competición de canoa, grazas ao gran estado de Tono Campos, campión de España de C-1 por diante do tamén galego David Mosquera nunha proba na que Adrián Pose (Verducido-Pontillón) foi sexto.

Campos tamén conseguiu a medalla de ouro no C-2 xunto a José Manuel Sánchez, nunha proba na que o pontevedrés Óscar Graña e Ramón Ferro (Kayak Tudense) foron segundos, asegurándose tamén a súa clasificación para o Europeo e tamén para o Campionato do Mundo da especialidade.

Aínda por riba na categoría Sub-23 brillou o Piragüismo Verducido, subindo a dous dos seus padeeiros ao podio da canoa individual. Damián González fíxose co título e Manuel Cons foi segundo, polo que tamén estarán na competición continental.

Na categoría de K-1 senior cabe destacar tamén a actuación de José Manuel Sobrado (Ría de Pontevedra), cun oitavo posto.