Brillante debut de Carmen Gómez en distancia olímpica cun bronce na Copa de Europa

Pontevedra
27 de marzo 2017

A triatleta pontevedresa, na súa primeira carreira internacional en idade sub-23, logrou un meritorio terceiro posto final na Copa de Europa de Gran Canaria nunha carreira que supón para ela "un chute de adrenalina para seguir entrenando y progresando", recoñeceu tras a proba

Carmen Gómez (dereita) na Copa de Europa de Gran Canaria
Carmen Gómez (dereita) na Copa de Europa de Gran Canaria / Cabildo de Gran Canaria

Era a súa primeira carreira internacional de tríatlon en idade sub-23, o seu debut ademais na distancia olímpica, e a estrea non puido ser máis satisfactorio demostrando a súa enorme progresión.

Carmen Gómez Cortés subiu ao podio absoluto da Copa de Europa de Gran Canaria, celebrada este domingo nas Palmas, ao ser terceira na liña de meta.

A triatleta pontevedresa completou os 1.500 metros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 quilómetros de carreira a pé en 2 horas, 4 minutos e 15 segundos, con 10 segundos de vantaxe sobre a italiana Giorgia Priarone.

A británica Jessica Learmonth (2:01:29) foi a gran dominadora da proba. Apenas cedeu nalgúns instantes a cabeza da carreira elite feminina á súa compañeira Lucy Hall (2:03:25), que se fixo coa prata. 

Carmen Gómez: "Estoy super contenta, aún no me lo creo"

Carmen Gómez saíu da auga no grupo perseguidor das dúas británicas e mantívose durante todo o ciclismo preto da cabeza, mantendo intactas unhas opcións de podio que tivo que defender con uñas e dentes no último sector, a carreira a pé, no que soubo dosificar os seus esforzos e a vantaxe que atesourara para terminar no terceiro posto.

"Estoy super contenta, aún no me lo creo", recoñeceu, xa que este resultado supón "un chute de adrenalina para seguir entrenando y progresando", sinalou en declaracións á Federación Española de Tríatlon despois da que era a súa primeira carreira da tempada.