Broche de prata no Nacional de Piscina Curta para Bea Gómez coa súa quinta medalla

Pontevedra
14 de decembro 2014

A lerezana logrou un segundo posto nos 800 libre na última xornada de competición, con María Vilas en terceiro lugar e só superada pola raíña absoluta do campionato, Mireia Belmonte  

Bea Gómez durante a Copa de España en Gijón CN Galaico

Cinco medallas é o balance final de Beatriz Gómez Cortés no Campionato de España de Natación en Piscina Curta que se pechou este domingo en Sabadell co terceiro día de competición.

A nadadora lerezana logrou na última xornada unha medalla de prata nos 800 libre (8:18.69), rebaixando o record galego da distancia e sendo superada únicamente pola raíña do campionato, Mireia Belmonte (8:11.56).

Terceira foi a ribeirense María Vilas cun tempo de 8:23.36.

Pola súa banda Bea Gómez tamén participou nos 100 braza, nunha proba na que finalizou novena (1:10.85).

Dous nadadores máis do Galaico participaron no peche do Nacional, Cristian Fernández co posto 43 nos 800 libre (8:28.84) e Paula Goyanes, que terminou no trixésimo sexto lugar nos 200 estilos (2:22.51).