Grandes noticias para a deportista de Caldas Katy Rebón, que volveu demostrar o seu enorme potencial no Open de Bulgaria ao levar a medalla de bronce.
Este campionato internacional reuniu durante o fin de semana a competidoras de todo o mundo do máis alto nivel no mundo do Taekwondo.
Entre elas estaba a campioa olímpica Viviana Marton. A deportista do Club Número Phi, Katy, logrou vencer á húngara no combate de oitavos de final.
Este feito supón un gran salto de calidade na súa traxectoria dentro de panorama internacional.
Ademais, Katy Rebón mediuse a rivais de Suecia e Bielorrusia no seu camiño até as semifinais.
A rolda previa á final foi contra a representante rusa. A pesar de non lograr a vitoria, a caldense deixou un combate moi disputado con grandes sensacións a nivel técnico e competitivo.
Este bronce é unha gran noticia para a deportista, xa que supón unha importante suma de puntos de cara aos próximos compromisos internacionais de Katy.
A caldense non é a única representante do club neste fin de semana. Varios deportistas do Número Phi tamén competiron no Campionato de España en categorías cadete e júnior.