Un lugar con moito simbolismo como a Pedra do Home serviu de escenario para presentar oficialmente a III BTT Camiños de Barro.
A ruta ciclista, a pesar de ser só a súa terceira edición, consolídase como "o maior acontecemento deportivo do municipio", aseguran os seus responsables.
Organizada polo Concello de Barro coa colaboración do Club Ciclista Ribadumia, a Federación Galega de Ciclismo e as comunidades de montes de Barro, A Portela e Perdecanai, celebrarase o vindeiro domingo 14 de decembro coa previsión de chegar a congregar a medio milleiro de deportistas.
Para eles estableceuse ademais un percorrido de 50 quilómetros totalmente renovado con máis de 1.400 metros de desnivel acumulado e unha opción curta de 35 quilómetros con 800 metros de desnivel.
Todo iso con saída ás 9.30 horas da mañá desde o Pazo da Crega, en San Antoniño.
Contará ademais con varios tramos cronometrados.
"Detrás da III BTT Camiños de Barro hai meses de preparación, hai voluntarios e voluntarias que deron o mellor de si, hai o apoio das comunidades de montes e hai un concello enteiro que empuxa. Barro, a pesar de ser un concello pequeno, pode presumir hoxe dunha organización exemplar, capaz de poñer en marcha un evento deportivo que xa é unha referencia no ciclismo de montaña", afirma o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes.
As inscricións para a proba mantéñense abertas a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo.