A Copa de España de BTT Maratón terá en 2026 unha dobre parada non só en Galicia, senón na comarca de Pontevedra.
Á Ruta do Lacón de Cuntis, que xa figuraba esta tempada no calendario nacional, váiselle a unir o Gran Premio Concello de Cerdedo-Cotobade XCM.
Así llo confirmou a Real Federación Española de Ciclismo ao Concello.
Esta nova competición celebrarase o día 27 de xuño con saída e chegada na Praza da Chan de Carballedo, replicando parte do trazado utilizado nos últimos anos na Transgalaica.
Esta concesión, afirma o alcalde Jorge Cubela, é "unha mostra do traballo ben feito, da aposta decidida polo deporte, pola natureza e polo desenvolvemento sostible", ademais de "unha oportunidade única para seguir dando a coñecer o noso territorio, os nosos montes e a nosa capacidade para acoller grandes eventos deportivos".
"A Federación traballou intensamente para conseguir que a provincia de Pontevedra acolla dúas probas da Copa de España de BTT, o que é un exemplo do esforzo que se está a facer para impulsar o ciclismo na nosa Comunidade, na nosa provincia e nos concellos rurais", defendeu pola súa banda o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, acompañado tamén de Javier Sánchez, representante do Team Relay como organizador da carreira.
A de Cerdedo-Cotobade será ademais a última das nove probas puntuables que comporán a Copa de España de BTT Maratón (XCM) en 2026.
Pola súa banda a XIII Ruta do Lacón organizada en Cuntis polo Club de Montaña Xesteiras celebrarase o 23 de maio como sexta cita do calendario.