Bueu e Poio, escenario da primeira proba da Liga Española de Orientación en BTT

Bueu
09 de marzo 2017

O Club Aromon Pontevedra é o encargado de organizar a competición, que terá lugar os días 11 e 12 de marzo nas zonas de Ermelo-Pastoriza e A Escusa. A cita servirá de preparación para o Campionato de España da especialidade que acollerá Pontevedra en 2018

PontevedRAID 2014 (Campionato Ibérico de Raids)

Todo preparado para que a próxima fin de semana se poida disputar o PonteOriBike2017, primeira proba de Liga Española de orientación en Bicicleta de Montaña e tamén Campionato Galego MTBO.

O Club Aromon Pontevedra está detrás da organización da cita deportiva, que servirá de preparación para o Campionato de España da especialidade que acollerá Pontevedra en 2018.

O campionato consta de dúas probas: unha de Distancia Media, o día 11, en Ermelo-Pastoriza (Bueu) e outra de Distancia Longa, o día 12, na Escusa (Poio). A suma dos resultados en ambas as dúas clasificará aos competidores para o Trofeo Marco Antonio Blanco, en honra a un compañeiro do club recentemente falecido.

Ademais, os deportistas federados por un club galego loitarán polo título de campión autonómico, que tamén sairá da suma de resultados.

Esta previsto que participen durante toda a fin de semana ao redor de 160 deportistas, estando programadas as saídas ás 10:30 horas no caso do sábado 11 e das 9:30 horas o domingo día 12.