Segundo reforzo do Club Cisne Balonmán para a segunda volta de competición na División de Honra Prata, na que busca asegurar a súa continuidade na categoría.
O club pontevedrés confirmou este mércores a incorporación de Bruno Tavares Landim, xogador caboverdiano de 32 anos cunha ampla traxectoria en ligas europeas.
Lateral dereito, prodece do JS Cherbourg da segunda división francesa, pero antes competira en varios equipos portugueses como o FC Porto, Fafe, Madeira, Xico Andebol e SC Horta e tamén na liga de Arabia Saudita.
"Sumará experiencia, forza e altura á primeira liña do noso ataque", asegura a entidade cisneísta sobre o seu novo xogador.
Trátase da segunda incorporación para a primeira liña do equipo, tras a recente chegada do internacional colombiano Santiago Bedoya, lateral esquerdo.
Con eles cóbrense as posicións que quedaran debilitadas polas saídas de Guilherme Linhares e do esloveno Marko Ribic.
No caso de Bruno Landim, é tamén internacional por Cabo Verde, selección na que competiu durante anos co ex cisneísta Gualther Furtado.
O novo xogador do Cisne non estará aínda co equipo na próxima xornada de liga na División de Honra Prata, coa visita á cancha do BM Zaragoza (domingo 1, 12.30 horas).