Caldas homenaxea a cinco taekwondistas do Número Phi recoñecidos como Deportistas Galegos de Alto Nivel

Umia
14 de setembro 2025

O club liderado por Lúa Piñeiro e Fernando Rascado celebra o seu quinto aniversario e o recoñecemento de Katy Rebón, Roi Fraga, Ayton Iglesias, Alejandro Quintela e Bruno García

Recepción en Caldas aos integrantes do Número Phi Concello de Caldas de Reis

O salón de plenos do Concello de Caldas de Reis acolleu este venres a recepción oficial a cinco deportistas do Club Número Phi que recibiron o distintivo de Deportista Galego de Alto Nivel (DGAN).

O recoñecemento coincidiu co quinto aniversario da entidade deportiva liderada por Lúa Piñeiro e Fernando Rascado.

Durante o acto, o alcalde Jacobo Pérez resaltou que "o éxito de Katy, Roi, Ayrton, Alejandro e Bruno é o recoñecemento ao seu esforzo" e agradeceu que leven o nome de Caldas a calquera lugar onde compiten.

Pola súa banda, o tenente de alcalde e responsable de Deportes, Manuel Fariña, subliñou que "contar con cinco deportistas recoñecidos como DGAN nun club que cumpre só cinco anos é un feito histórico" e asegurou o compromiso do Concello para seguir apoiando o deporte basee e consolidar a Caldas como viveiro de campións e campioas.

Katy Rebón brilla como tripla campioa de España nas categorías Cadete, Júnior e Sub-21, ademais de obter a medalla de bronce no Grand Prix Europeo e ser atleta interna no Centro de Tecnificación.

No caso de Roi Fraga, conta cun impresionante palmarés que inclúe o título de campión de España Cadete, subcampión de España Júnior e medalla de bronce no Europeo Cadete, tamén formando parte do CGTD.

Pola súa banda, Ayrton Iglesias coroouse campión galego nas categorías Cadete e Júnior, logrou o bronce no Campionato de España Júnior e colabora como membro do grupo de apoio do CGTD, mentres que Alejandro Quintela é campión galego Cadete e bronce no Campionato de España.

Finalmente, Bruno García suma ao seu palmarés o campionato galego Cadete e o bronce no Open de España.