Caldas de Reis proxecta construír un gran circuíto de motocrós en Rabexe

Umia
03 de xuño 2025
Actualizado: 06 de xuño

Este novo espazo estará dirixido a motociclistas, pero tamén abrirá as súas portas a ciclistas e incluso a todoterreos e 'carcross', ofrecendo unha plataforma versátil para diferentes modalidades

Manuel Fariña nos terrenos do futuro circuíto de motocrós Concello de Caldas de Reis

Catro quilómetros de pistas e unha superficie total de 70.000 metros cadrados con gabias, ramplas e inclinacións laterais. Son as características do circuíto de motocrós que o Concello de Caldas de Reis quere construír en Rabexe (San Andrés de Cesar).

Ocupará un espazo que está situado a apenas 1,1 quilómetros do centro urbano da vila e que o goberno municipal quere converter nun importante punto de encontro para os entusiastas dos deportes de motor e da adrenalina das motos.

Para o responsable da área de deportes, Manuel Fariña, a posta en marcha deste circuíto é unha "oportunidade única" para promover un deporte moi practicado e que carece de espazos adecuados en toda a comarca, atraendo ademais numerosos visitantes.

Este novo espazo estará especialmente dirixido a motociclistas, pero tamén abrirá as súas portas a ciclistas e incluso a todoterreos e 'carcross', ofrecendo así unha plataforma versátil para a práctica de diferentes modalidades deportivas.

A zona, segundo defendeu o tenente de alcalde, foi elixida tras comprobar que o funcionamento deste circuíto non provocará impacto sonoro nin molestias para a veciñanza.

O deseño do circuíto foi realizado aproveitando os desniveis e a orografía do terreo, con gabias, inclinacións laterais ou ramplas en subida e baixada, ofrecendo aos usuarios todo un desafío.

O Concello está a traballar en colaboración con persoas expertas na práctica do motocrós para asegurar un trazado seguro e xa ten en marcha a tramitación e o acondicionamento do espazo. O investimento municipal inicial roldará os 6.000 euros aproximadamente.

A inauguración do circuíto de motocrós quérese facer "canto antes", avanzou Fariña, e está pensado para que ofreza diversas actividades, competicións e eventos, pensando incluso en acoller probas oficiais de cara a medio prazo.

A intención de que o circuíto de Rabexe se consolide como un referente, cunha grande demanda, xa que se trata do único circuíto público existente na provincia de Pontevedra.

O terreo de Rabexe no que se abrirá o circuíto de motocrós foi xa o pasado mes de decembro o escenario dunha exhibición solidaria 4×4’ que organizou o Concello dentro da programación de Nadal.

Entón, unha vintena de todoterreos percorreron subidas e baixada de grande dificultade e baixadas, foxos, troncos e tamén outros orixinais obstáculos que os participantes pasaron con derrapes e controis incribles ante un público entregado.