Cambio de ciclo na Selección Española tras o Mundial, con dobre presenza do Poio Pescamar

Poio
06 de febreiro 2026
Actualizado: 16:16

Dúas futbolistas do equipo conserveiro están presentes na primeira convocatoria de España despois do Campionato do Mundo, unha lista na que só repite Martita

Èlia, no partido entre o Poio Pescamar e Ourense CF na Seca Cristina Saiz

O Poio Pescamar foi o club que máis futbolistas achegou ao primeiro Campionato do Mundo da historia, na que a Selección Española logrou un meritorio bronce.

Nese equipo de España figuraban catro xogadoras do Poio Pescamar, pero tras o Mundial a Selección inicia un cambio de ciclo.

Daquelas futbolistas só Martita repite na primeira convocatoria do novo ciclo.

Nesta lista o equipo vermello achega dúas xogadoras.

Ademais de Martita outra das 15 elixidas é Èlia Gulli, peza clave das conserveiras esta tempada.

Deste xeito quedáronse fóra, con respecto ao Mundial, Elena, Noelia Montoro e Ale de Paz.

A seleccionadora nacional, Clàudia Pons, elaborou esta nova lista para xogar o torneo Futsal Week que se disputará na localidade croata de Labin do 16 ao 18 de febreiro.

Nese torneo España medirase a Noruega (día 16, 18.15 horas) e a Croacia (día 18, 18.15 horas).

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora