Cambio de rumbo no equipo xuvenil do Pontevedra para tentar evitar o descenso

Pontevedra
26 de novembro 2018

O vigués Julio Álvarez-Buylla é o novo adestrador do equipo granate xuvenil na División de Honra substituíndo a David Montes. O conxunto pontevedrés atópase a 8 puntos da permanencia despois de 13 xornadas de liga

Julio Álvarez-Buylla nun acto da Federación Galega de Fútbol
Julio Álvarez-Buylla nun acto da Federación Galega de Fútbol

O Pontevedra Club de Fútbol deu un golpe de temón no principal equipo da súa canteira, o xuvenil A que milita na División de Honra e que loita pola súa permanencia na máxima categoría.

Julio Álvarez-Buylla foi confirmado este luns como novo adestrador do bloque, en substitución de David Montes, quen xa non sentou no banco na última xornada, na que os granates caeron por 1-4 ante o Celta de Vigo.

Despois de 13 xornadas de competición, o Pontevedra marcha na penúltima posición con 6 puntos despois de ter sumado dous triunfos (Racing de Ferrol e  Colindres) e encaixar 11 derrotas, estando a 8 puntos da zona de salvación.

Por ese motivo os responsables da planificación deportiva na casa granate decidiron variar o rumbo confiando en Álvarez-Buylla, adestrador con experiencia nas últimas tempadas na Rexional Preferente.

En concreto o técnico vigués dirixiu a pasada campaña o Xuventú Sanxenxo (sétimo na súa liga), tras pasar dous anos no Gondomar, na mesma categoría.

O seu debut cos xuvenís do Pontevedra producirase a próxima fin de semana a domicilio ante os Deportivo Roces.