Tras un ano de ausencia, o gran evento do piragüismo nacional volverá a Pontevedra.
A Real Federación Española de Piragüismo fixo oficial o seu calendario de competición para a tempada 2025, establecendo o encoro pontevedrés de Pontillón do Castro, en Verducido, como sede do LVI Campionato de España de Sprint Olímpico.
Esta competición, que en 2024 tivo lugar en Trasona, celebrouse por última vez en Verducido en 2023 con máis de 700 deportistas inscritos.
Nesta ocasión o campionato nacional terá lugar do 1 ao 3 de agosto.
Non será a única gran competición que acolla esta tempada a Boa Vila, afeita ser unha das sedes recorrentes do piragüismo nacional.
Así, no calendario feito público o encoro de Pontillón do Castro aparece tamén como sede da 2ª Copa de España de Sprint Olímpico (24-25 maio).
Ademais en Pontevedra celebrarase no mes de xullo (do 11 ao 13) o VIN Campionato de España de Maratón Curto-Copa España Maratón e a Copa España Maratón Máster.
Por último as ligas nacionais de kaiak-polo contarán con varias xornadas en Verducido nos meses de marzo, abril e xullo.