Caridad e Ana Rivera, primeiras renovacións no Poio Pescamar

Poio
10 de xuño 2021

O conxunto conserveiro avanza na planificación do seu próximo proxecto deportivo confirmando as primeiras renovacións no plantel adestrado por Manu  Cossío

Ana Rivera, no partido entre o Poio Pescamar e Burela na Seca
Ana Rivera, no partido entre o Poio Pescamar e Burela na Seca / Cristina Saiz

O Poio Pescamar empeza a poñer as primeiras pedras do seu novo proxecto deportivo na Primeira División.

Tras as baixas anunciadas de Silvia Aguete, Antía Pérez, Mirian e Clara, o conxunto conserveiro confirmou este xoves as súas primeiras renovacións.

Trátase de Caridad e Ana Rivera, ambas as dúas pezas importantes o último ano nos plans e esquemas do seu adestrador Manu Cossío.

No caso de Caridad, afrontará a súa terceira campaña na Seca chamada a asumir aínda maior responsabilidade tras a saída de Silvia. A recoñecida como cuarta mellor gardameta mundial de 2020 será un dos piares do Poio Pescamar 21/22.

O mesmo tempo leva no equipo Ana Rivera, chegada a Poio no verán de 2019 desde o Alcorcón e que se converteu nunha fixa na rotación. Seu foi o histórico gol que meteu ás vermellas na final da Copa da Raíña o pasado mes de decembro.

As dúas xogadoras prolongan o seu contrato co Poio Pescamar por unha tempada.