Carla Goyanes clasifícase para o Europeo Júnior de natación en augas abertas

Pontevedra
24 de maio 2019

A deportista pontevedresa do Club Natación Galaico logrou o billete para o Campionato de Europa da República Checa na proba dos 10 quilómetros do Campionato de Francia, segunda parada da Copa LEN europea. Boa actuación tamén de María Vilas

María Vilas e Carla Goyanes no Campionato de Francia de Augas Abertas, proba da Copa LEN
María Vilas e Carla Goyanes no Campionato de Francia de Augas Abertas, proba da Copa LEN / Club Natación Galaico

Obxectivo cumprido para Carla Goyanes. A deportista do Club Natación Galaico conseguiu este xoves a clasificación para o Campionato de Europa Júnior de natación en augas abertas que se disputará en  Racice, República Checa.

A nadadora pontevedresa conseguiuno na proba dos 10 quilómetros do Campionato de Francia que se celebra estes días en Brive, segunda parada da Copa  LEN europea.

Goyanes finalizou na 25ª posición cun tempo de 2 h.06.23:94, sendo a mellor española en idade júnior e logrando por tanto o billete ao Europeo da categoría, ao ser un evento clasificatorio. Superou nesa pelexa a Claudia Giralt (29ª con 2 h.08.29:24), cuxa presencia na República Checa queda pendente de criterio técnico.

A carreira deixou unha grata noticia para a natación nacional coa vitoria da española Paula Ruiz (1 h.59.56:12), por diante da actual campioa olímpica, a holandesa Sharon van Rouwendaal.

Notable foi tamén a actuación de María Vilas, deportista ribeirense do Galaico, que foi novena (2 h.01.58:81) e que queda pendente da dirección técnica da Real Federación Española de Natación para ir ao Campionato do Mundo de Gwangju-Corea do Sur.

A participación de Carla Goyanes e María Vilas no campionato francés terá un segundo capítulo este  sñabado 25 de maio na proba dos 5 quilómetros.