Prata para Carla Goyanes no Nacional de augas abertas

Pontevedra
15 de xuño 2019

O equipo de natación do CN Galaico, composto por oito deportistas, viaxou este fin de semana a Banyoles para disputar o Campeonato de España de dita modalidade

A nadadora Carla Goyanes
A nadadora Carla Goyanes / Club Natación Galaico

O equipo de natación en augas abertas do CN Galaico continuou este sábado a súa participación no Campionato de España da modalidade. Despois do bronce de María Vilas este venres na proba de 5 quilómetros de categoría absoluta, chegou a xornada forte, na que tomaron parte todos os deportistas do club pontevedrés. 

A diferenza do día anterior no que o tempo non foi o esperado, nesta ocasión, as condicións foron inmellorables para o correcto desenvolvemento da competición.

Carla Goyanes conseguiu facerse coa prata na proba júnior 2 de 10.000 metros, cun tempo de 2:08:33, soamente por detrás de Claudia Giralt (2:05:55), do CN Barcelona. O podio completouno Celia Bulicic, cunha marca de 2:08:36.

Na mesma proba, pero no grupo masculino, Álex Lages quedou a 37 segundos de facerse co bronce (1:54:14:7). No seu lugar, Ferrán Juliá, CE Mediterrani, finalizou terceiro. O nadador do club pontevedrés fixo un excelente traballo durante toda a carreira, do mesmo xeito que Bruno Rey, que terminou na décima sexta posición.

Nos 10 quilómetros, pero en categoría absoluta, María Vilas tivo que conformarse cun sexto posto (terceira sénior e terceira española), quedándose a tan só 7 segundos do terceiro.

Pola súa banda, Cristian Fernández quedou cunha décima oitava posición (sétimo sénior e undécimo español), tamén nos 10000 metros absolutos.

Finalmente, Alicia Bouzas e Pablo Martín, os nadadores de categoría infantil do equipo pontevedrés, que se estrearon nunha competición a este nivel, realizaron un gran traballo. Bouzas cruzou a liña de meta en décimo sexto posto (oitava no seu ano de nacemento), mentres que Martín fíxoo no vixésimo terceiro (terceiro do seu ano).

Na clasificación xeral por clubs, o CN Galaico ocupa o quinto posto no grupo masculino e o cuarto no feminino.