Carlos Pouso, pechado á espera do anuncio oficial

Pontevedra
01 de novembro 2019

O adestrador vasco converterase en novo inquilino do banco de Pasarón tras chegar a un acordo co club granate. Está previsto que asuma o mando o vindeiro luns, na primeira sesión da semana tras o duelo deste domingo ante o Melilla que aínda dirixirá Jesús Ramos

Carlos Pouso, durante un partido co Real Racing Club
Carlos Pouso, durante un partido co Real Racing Club

O Pontevedra Club de Fútbol pechou o acordo con Juan Carlos Pouso para que se converta no novo adestrador do equipo en substitución do cesado Luismi.

Tras preto dunha semana de negociacións, o preparador vasco e o club granate comprometéronse para que dirixa ao equipo e tente endereitar o irregular inicio de tempada.

Segundo confirmaron fontes próximas ao club, a intención do Pontevedra é que Pouso asuma o mando na primeira sesión de traballo da próxima semana, é dicir, o luns día 4 de novembro, tras o duelo ante o Melilla, que aínda dirixirá Jesús Ramos.

Só falta pois o anuncio oficial da entidade granate, unha confirmación que probablemente non se producirá ata a conclusión do encontro do domingo (12:00 horas).

Carlos Pouso cumpre o perfil que buscaba o Pontevedra, a dun preparador que "conozca la categoría", tal e como demandou a presidenta Lupe Murillo o día da destitución de Luismi, e é que o técnico vasco, de 59 anos de idade, é todo un veterano na Segunda División B, onde adestrou a equipos como o  Sestaos River,  Guijuelo, UD Logroñés e Mirandés, logrando con este último o ascenso a Segunda División en 2012 e a xesta de chegar ata as semifinais da Copa do Rei. O seu último equipo foi o Racing de Santander na campaña 17-18.