Carol Agulla e Antía Pérez debutan con bo pé nos Xogos Olímpicos da Mocidade

Pontevedra
08 de outubro 2018

A Selección Española de fútbol sala venceu por 9-2 a Bolivia, con goles das dúas xogadoras do Poio Pescamar.  Elena Andreu, do Bádminton Pontevedra, estreouse con derrota en Bos Aires

Carol Agulla e Antía Pérez (arriba no centro) na vila olímpica en Bos Aires
Carol Agulla e Antía Pérez (arriba no centro) na vila olímpica en Bos Aires / RFEF

Bos Aires vive con intensidade as primeiras xornadas dos Xogos Olímpicos da Mocidade, nos que o deporte pontevedrés deu xa os seus primeiros pasos.

O máis positivo foi o dado pola Selección Española de fútbol sala no seu debut na competición, ao vencer a Bolivia por 9 goles a 2.

Aínda que non saíron no cinco inicial, Carol Agulla e Antía Pérez participaron no primeiro duelo olímpico, celebrado este domingo, marcando cada unha delas un tanto.  Carol fixo o 5-0 tras o descanso, no minuto 23, e Antía fixo o sexto a continuación, pero ademais foi protagonista nas xogadas do cuarto e quinto gol.

A nota negativa foi que a propia Antía Pérez tívose que retirar no tramo final por molestias no xeonllo.

España foi moi superior ao seu rival desde o inicio, aínda que marcou diferenzas tras o descanso e agora xa pensa no seu seguinte rival, a priori o máis complicado da primeira fase, Tailandia, a quen se enfrontará este martes día 9.

DERROTA DE ELENA ANDREU EN BÁDMINTON

Non lle foron tan ben as cousas a Elena Andreu, xogadora do Club Bádminton Ravachol Pontevedra, que caeu derrotada na súa estrea nos Xogos Olímpicos da Mocidade.

Andreu cedeu en dúas mangas ante a hindú Jakka Vaishnavi, que non lle deu opción cun tenteo de 21-13 e 21-6. No seu segundo partido o seu rival será a peruana Fernanda Saponara.