Primeira medalla pontevedresa no campionato do mundo júnior e sub-23 de piragüismo que se está celebrando en Pitesti (Romanía). O K-4 500 metros junior, no que compiten Carolina García (E.P. Cidade de Pontevedra) e Carla Frieiro (As Torres Romería Vikinga) logrou a medalla de prata, tras quedar segundas na final.
As galegas, xunto coas súas compañeiras Bárbara Pardo e Aida Bauzá, saíron a por todas desde o principio. Despois dunha saída moi rápida, mantiveron a primeira posición durante os 450 metros e foi nos metros finais onde se viron superadas polo equipo de Hungría, que se fixo co ouro cun tempo de 1:49.579.
O barco español entrou segundo con 1:49.980 e o terceiro posto foi para Bielorrusia, que entrou en meta con seis décimas de atraso con respecto ás españolas.
Para continuar coa representación feminina, Marta Iglesias (Club de Mar Ría de Aldán) chegaba en oitava posición na final de K-1 1000 metros, nunha proba na que levou o triunfo a representante da República Checa, Sofie Kinclova.
O K-4 español sub 23 de Camila Morison (Náutico Pontecesures), Natalia García (Breogán do Grove), Miriam Vega e Laia Pelach, cruzou a liña de chegada en sexta posición, nunha final onde Hungría gañaba o ouro, Alemaña a prata e Rusia o bronce.
A excelente actuación galega completárona David Barreiro (Náutico Rodeira) na final de C-1 1.000 metros. O padeeiro do Morrazo foi quinto. O forte vento reinante na pista durante toda a mañá fixo madeixa en todos os participantes, condicionando aos deportistas que competían nas rúas centrais, como foi o caso de Barreiro.
Luís Rodríguez (Piragüismo Portonovo) competiu na final de K-2 1-000 metros xunto ao asturiano Pablo Roza. Ambos realizaron unha magnífica actuación, rozando as medallas e conseguindo un meritorio cuarto posto.
Outra das finais da xornada con participación galega era a de C-2 1.000 metros na que Noel Domínguez (Breogán do Grove) e Pablo Graña (Náutico Rodeira) tamén foron cuartos a tan só unha décima de segundo da medalla de bronce que lla levou o barco de Bielorrusia. Hungría e Cuba repartíronse o ouro e a prata.
Xa pola tarde, disputáronse todas as semifinais da distancia de 200 metros. Antía Jácome (E.P. Cidade de Pontevedra) conseguía o pase á final, ao terminar en segunda posición na súa serie. Pola súa banda, Pablo Graña (Náutico Rodeira) tamén conseguía a clasificación para a final A de mañá en C-1 ao ser segundo.