Caldas de Reis acollerá o sábado 25 de outubro unha carreira urbana de 'vellas glorias' do ciclismo na que participarán, entre outras figuras históricas deste deporte, ex ciclistas como Pedro Delgado, Álvaro Pino e Ezequiel Mosquera.
A proba, organizada polo goberno municipal, pretende converter a vila termal no epicentro do ciclismo estatal e, de paso, congregar ás persoas afeccionadas que queiran participar e rodar con estas lendas do deporte unha pequena parte do circuíto.
Xunto a Delgado, Pino e Mosquera, segundo avanza a organización, estarán tamén corredores como Jesús Blanco Villar, José Teixeira, Evaristo Portela ou o caldense Manolo Piñeiro, que participa na organización deste evento.
O propio Pedro Delgado, a través das súas redes sociais, destacou que esta carreira en Caldas "vai ser un día para o recordo, a nostalxia e a camaradería".
"Ciclistas doutros tempos retarémonos. Non me adestredes moito", engadiu.
Carreira de VELLAS GLORIAS en Caldas de Reis (Galicia). 25-oct 16:30.
— Pedro Delgado (
Un día para o recordo, a nostalxia e a camaradería.
Ciclistas doutros tempos como Piñeiro, Mosquera, Texeira, Branco Villar, Portela... e o anfitrión Manolo Piñeiro... retarémonos.
Non me adestredes moito😜 pic.twitter.com/xzrfQRz67qpedrodelgadoweb) September 30, 2025
A carreira consistirá en percorrer desde as 16.30 horas da tarde un circuíto urbano de 1,3 quilómetros -30 voltas- deseñado polo ex ciclista profesional e tamén veciño da vila termal Samuel Blanco Prol, que pasará polas principais rúas do centro da vila.
Terá saída da Prazuela, para despois seguir polas rúas Carlos García Baión, Río Pequeno, Porto do Río, Rúa Real, Fornos, Rúa da Igrexa, Palmeiras, Rúa da Oliva e Laureano Salgado Baión para chegar de novo á Prazuela.
O tenente de alcalde en Caldas, Manuel Fariña, explicou que o percorrido foi deseñado para facilitar a visibilidade da proba e que os espectadores acudan como público.
A participación activa na carreira será posible nalgunha das voltas ao circuíto, "pero non en toda a súa extensión por cuestións de seguridade", aclarou Fariña.
Esta proba, segundo o responsable municipal da área deportes, "porá a Caldas no mapa do deporte unha vez máis", debido á súa transcendencia.